Archives for category: XUNTANZAS

Na imaxe, os asistentes ao Faladoiro Maior acompañados das lecturas que, valla a redundancia, nos acompañaron ao longo de todo este curso.

Todos coincidimos en que resultou unha actividade moi interesante.

O feito de comentar un libro e logo ver xuntos unha película relacionada coa lectura gusta moito.

Con respecto ao ritmo da lectura e das xuntanzas, a todos nos pareceu o apropiado. Desde que comezamos, máis ou menos fómonos xuntando unha vez ao mes. Primeiro falabamos do libro, compartiamos opinións, enriqueciámonos uns cos puntos de vista dos outros, e logo quedabamos para ver unha película outra tarde. As sesións en que comentabamos as lecturas duraban entre hora e hora e media, falar falabamos, e ben.

Os libros escollidos resultaron moi interesantes, sobre todo porque nos permitiron facer un achegamento a outras culturas, en concreto á iraní e á xaponesa. Deron pé a falar sobre aspectos diversos, que se foron anotando ao longo do curso no blog.

Viñamos quedando os mércores ás 16:30, unha hora que nos viña bastante ben á maioría, e que podería seguir sendo a mesma para o curso que vén.

Coincidimos en que para o vindeiro ano sería interesante ler algunha novela gráfica, pois actualmente é un xénero que pode dar moito xogo, e a obra de Marjane Satrapi así nolo demostrou.

Para rematar, a actividade resultounos a todos moi satisfactoria e gratificante.

Que pasedes bo verán, e ata o curso 2012-2013.

Nun artigo que Jaureguizar publicou no xornal El Progreso, relaciona moi ben os personaxes desta inquedante novela:

“Murakami conta as dúas partes da noite, a dos noctegozadores e a dos amantes das luzadas mañaneiras, nunha soa novela. En ‘Tras do Solpor’ (Galaxia) unha lectora solitaria de bar, unha bela durminte, unha prostituta demasiado nova como para ser consciente da violencia do oficio e un músico consciente de que se asoma ao fracaso máis fondo e frustante, comparten o tránsito dunha noite ata a mañá”.

http://www.galiciae.com/nova/24902.html

Aos tertulianos de O Faladoiro o libro causou sensacións diversas: a uns custoulles entrar na lectura, a outros entusiasmoulles. Sobre todo deixaron pegada nos lectores aspectos como a tremenda soidade dos protagonistas (a sociedade xaponesa semellou ser unha sociedade chea de soidade e de carencias), a carencia de afectos, as vidas tráxicas que percorren a novela.

Conta unha historia desoladora, unha frustración constante.

O refuxio na noite, nos descoñecidos.

Ademais chamounos a atención a agresividade das cidades, a extrema competitividade que se vive. Tampouco se separa a vida laboral da persoal. Dá medo pensar que imos cara a ese camiño…

E o excesivo individualismo.

Non obstante, o final deixa aberta a porta á esperanza: a relación entre Mari e Takahashi; o abrazo á irmá para protexela; remóvense sentimentos cando se lle di a Mari que a irmá a valoraba e a necesitaba; a pesar da dureza do love hotel, é nese lugar onde se respira máis humanidade, semella un refuxio, van alí a sobrevivir; resulta detestable o personaxe do informático.

Proximamente xuntarémonos para ver a película Persépolis, baseada no cómic homónimo de Marjane Satrapi.

Data da próxima xuntanza: 8 de febreiro, mércores, ás 16:30

Ademais, o mércores 7 de marzo, tamén ás 16:30 volveremos reunirnos para falar do libro do segundo trimestre: Fantasmas de luz, de Agustín Fernández Paz.

Estades invitados a asistir  todos os que queirades ver o filme.

Marjane Satrapi, unha das artistas iranís máis aclamadas, galardoada con varios premios entre os que destacan o Premio ao Autor Revelación 2001 e Mellor Guión 2002 no Festival Internacional de Cómic de Angoulême, ofrécenos un relato autobiográfico sobre a súa infancia en Irán, que é á súa vez un excelente testemuño histórico dun pobo e unha época. Grazas á súa gran carga emotiva, crítica e irónica, Persépole converteuse nun cómic de referencia.

 

Ás 19:30 de hoxe, luns 28 de novembro, tivo lugar a primeira xuntanza do club de lectura de adultos de O Faladoiro.

Foron convocados diferentes sectores da comunidade educativa: pais e nais de alumnos, profesorado e persoal non docente.

Á xuntanza asistiron nais e membros do claustro.

Logo da presentación dos participantes neste faladoiro literario, decidiuse ler o libro Persépole de Marjane Satrapi. Resulta atractivo polo feito de falar dun país, Irán, que está tan de actualidade e que con dita lectura coñeceremos mellor. Ademais, poderemos lelo en galego grazas á edición dunha editorial canguesa, a editorial Rinoceronte.

A próxima tertulia celebrarémola o luns 16 de xaneiro, á volta do Nadal. E ao tempo que compartimos a lectura tamén visionaremos o filme baseado na novela homónima.

Que disfrutes moito lendo esta historia!!

 

NA XUNTANZA DE HOXE, 21 DE FEBREIRO DE 2011, ESTIVEMOS A COMENTAR OS DEZ PRIMEIROS CAPÍTULOS DE O CAN DOS BASKERVILLE. TRÁTASE DUNHA LECTURA EMOCIONANTE, NA QUE CONSTANTEMENTE ESTAMOS EN SUSPENSE, CANDO SEMELLA QUE OS CABOS SE PECHAN, APARECE UN NOVO ELEMENTO MOTIVO DE INTRIGA, E NADA SE SOLUCIONA.

O AUTOR SORPRENDE O LECTOR DE CONTINUO. CANDO LOCALIZAMOS E IDENTIFICAMOS O PRESO FUXIDO QUE VAGABUNDEA POLO PÁRAMO, SAE A ESCENA UN NOVO HOME MISTERIOSO. E ESA ESTRAÑA PARELLA DE IRMÁNS? QUE AGOCHAN? PARECE QUE SABEN MOITO.

PASAMOS MEDO COS OUVEOS ESTRAÑOS, PENETRANTES E QUE FAN TREMER, XURDIDOS DO TREMEDAL, DO PÁRAMO QUE TODO O ENGOLE.

XUNTANZA DO 21 DE FEBREIRO