Nun artigo que Jaureguizar publicou no xornal El Progreso, relaciona moi ben os personaxes desta inquedante novela:
“Murakami conta as dúas partes da noite, a dos noctegozadores e a dos amantes das luzadas mañaneiras, nunha soa novela. En ‘Tras do Solpor’ (Galaxia) unha lectora solitaria de bar, unha bela durminte, unha prostituta demasiado nova como para ser consciente da violencia do oficio e un músico consciente de que se asoma ao fracaso máis fondo e frustante, comparten o tránsito dunha noite ata a mañá”.
http://www.galiciae.com/nova/24902.html
Aos tertulianos de O Faladoiro o libro causou sensacións diversas: a uns custoulles entrar na lectura, a outros entusiasmoulles. Sobre todo deixaron pegada nos lectores aspectos como a tremenda soidade dos protagonistas (a sociedade xaponesa semellou ser unha sociedade chea de soidade e de carencias), a carencia de afectos, as vidas tráxicas que percorren a novela.
Conta unha historia desoladora, unha frustración constante.
O refuxio na noite, nos descoñecidos.
Ademais chamounos a atención a agresividade das cidades, a extrema competitividade que se vive. Tampouco se separa a vida laboral da persoal. Dá medo pensar que imos cara a ese camiño…
E o excesivo individualismo.
Non obstante, o final deixa aberta a porta á esperanza: a relación entre Mari e Takahashi; o abrazo á irmá para protexela; remóvense sentimentos cando se lle di a Mari que a irmá a valoraba e a necesitaba; a pesar da dureza do love hotel, é nese lugar onde se respira máis humanidade, semella un refuxio, van alí a sobrevivir; resulta detestable o personaxe do informático.