Na imaxe, os asistentes ao Faladoiro Maior acompañados das lecturas que, valla a redundancia, nos acompañaron ao longo de todo este curso.

Todos coincidimos en que resultou unha actividade moi interesante.

O feito de comentar un libro e logo ver xuntos unha película relacionada coa lectura gusta moito.

Con respecto ao ritmo da lectura e das xuntanzas, a todos nos pareceu o apropiado. Desde que comezamos, máis ou menos fómonos xuntando unha vez ao mes. Primeiro falabamos do libro, compartiamos opinións, enriqueciámonos uns cos puntos de vista dos outros, e logo quedabamos para ver unha película outra tarde. As sesións en que comentabamos as lecturas duraban entre hora e hora e media, falar falabamos, e ben.

Os libros escollidos resultaron moi interesantes, sobre todo porque nos permitiron facer un achegamento a outras culturas, en concreto á iraní e á xaponesa. Deron pé a falar sobre aspectos diversos, que se foron anotando ao longo do curso no blog.

Viñamos quedando os mércores ás 16:30, unha hora que nos viña bastante ben á maioría, e que podería seguir sendo a mesma para o curso que vén.

Coincidimos en que para o vindeiro ano sería interesante ler algunha novela gráfica, pois actualmente é un xénero que pode dar moito xogo, e a obra de Marjane Satrapi así nolo demostrou.

Para rematar, a actividade resultounos a todos moi satisfactoria e gratificante.

Que pasedes bo verán, e ata o curso 2012-2013.