XUNTANZA DO FALADOIRO MAIOR
DATA: 7 MARZO ÁS 16:30
O mércores 7 de marzo xuntámonos na biblioteca para compartir a lectura Fantasmas da luz de Agustín Fernández Paz.
As opinións con respecto a dita obra foron moi diversas, aínda que en xeral non convenceu as lectoras e os lectores como no caso de obras anteriores, pois resulta ser unha historia moi previsible.
Recordounos vivencias da nosa mocidade, vivencias que xiraban arredor dos vellos cines. Tróuxonos ao presente una época do pasado, cando nos xuntabamos grupos de mozos e mozas e asistiamos ás proxeccións de cine cheos de emoción, aquilo era todo un acontecemento, as estreas da nosa adolescencia, como foi o caso de Tiburón (cando tivemos que conseguir cartos, non sen certas dificultades para poder ver a peli), ou como cando acudíamos ao cine Veiga de Moaña, ou o cine de Seixo. Ir ao cine era un acto social, movía moito a toda a colectividade.
Pola contra cos multicines da actualidade, nos fríos centros comerciais, xa non nos parece que teña o protagonismo que tivo antano, nin supoña o mesmo, xa non é o mesmo.
No que si coincidiron a maioría dos e das participantes foi en que a novela (que literariamente semellou simple) resulta interesante, cando menos para mover á reflexión sobre temas tan vivos na actualidade, cunha clara intención de mover conciencias : a invisibilidade dos que non teñen traballo nin cartos, o medo que paraliza a mente, o individualismo cara ao que tende o ser humano, a carencia do apoio familiar que antes había e que agora xa vai escaseando…
Xa para rematar, con respecto ao tema da invisiblilidade, gustounos o feito de que ao final todos os “invisibles” da sociedade se unisen, pois xuntándose é posible que a sociedade vexa eses grupos de persoas, se vexa obrigada a recoñecer a súa existencia. Pódese saír do túnel asociándose, uníndose. Xúntanse porque necesitan sentirse parte de algo.
Aínda que os personaxes son moi simples, pois deles non se coñece case nada, o que converte fai que a narración sexa un pouco inverosímil, como se lle faltase algo á obra, tamén é certo que a denuncia que fai é real.
E para rematar, a parte das “Tomas extra” non convenceu moito, pensouse en que tal vez se trate dun experimento narrativo. Pero o certo é que non gustou moito.