É filla única dunha familia de Teherán descendente da dinastía kayar, que reinou en Persia de 1781 a 1925, ata que o seu último representante, Ahmad Shah, bisavó de Marjane Satrapi, foi deposto en 1925 por Reza Pahlavi. Esta familia, de talante progresista, mandouna a estudar ao Liceo Francés ata que foron suprimidos os colexios bilingües polas autoridades islámicas que xurdiron da revolución de 1979. Ela e a súa familia, que simpatizaban coa revolución antes de que adquirise carácter islamita, viviron con dor as restricións das liberdades individuais, a represión, a imposición do veo feminino e o estalido da guerra Irán-Iraq, que o novo réxime utilizou para consolidarse.

En 1983, cando tiña 14 anos, os seus pais decidiron enviala a estudar ao liceo francés de Viena (Austria), para que puidese completar a súa educación laica e para permitirlle desenvolverse nun ambiente menos opresivo que o do seu país natal. Marjane non falaba alemán, pero nese momento era máis fácil para un iraniano conseguir un pasaporte para Austria que para Francia. Tras completar os estudos primarios regresou a Irán para estudar Belas Artes, pero pouco despois decidiu marcharse a Francia, e desde entón reside en París.

http://es.wikipedia.org/wiki/Marjane_Satrapi