Na imaxe, os asistentes ao Faladoiro Maior acompañados das lecturas que, valla a redundancia, nos acompañaron ao longo de todo este curso.

Todos coincidimos en que resultou unha actividade moi interesante.

O feito de comentar un libro e logo ver xuntos unha película relacionada coa lectura gusta moito.

Con respecto ao ritmo da lectura e das xuntanzas, a todos nos pareceu o apropiado. Desde que comezamos, máis ou menos fómonos xuntando unha vez ao mes. Primeiro falabamos do libro, compartiamos opinións, enriqueciámonos uns cos puntos de vista dos outros, e logo quedabamos para ver unha película outra tarde. As sesións en que comentabamos as lecturas duraban entre hora e hora e media, falar falabamos, e ben.

Os libros escollidos resultaron moi interesantes, sobre todo porque nos permitiron facer un achegamento a outras culturas, en concreto á iraní e á xaponesa. Deron pé a falar sobre aspectos diversos, que se foron anotando ao longo do curso no blog.

Viñamos quedando os mércores ás 16:30, unha hora que nos viña bastante ben á maioría, e que podería seguir sendo a mesma para o curso que vén.

Coincidimos en que para o vindeiro ano sería interesante ler algunha novela gráfica, pois actualmente é un xénero que pode dar moito xogo, e a obra de Marjane Satrapi así nolo demostrou.

Para rematar, a actividade resultounos a todos moi satisfactoria e gratificante.

Que pasedes bo verán, e ata o curso 2012-2013.

Nun artigo que Jaureguizar publicou no xornal El Progreso, relaciona moi ben os personaxes desta inquedante novela:

“Murakami conta as dúas partes da noite, a dos noctegozadores e a dos amantes das luzadas mañaneiras, nunha soa novela. En ‘Tras do Solpor’ (Galaxia) unha lectora solitaria de bar, unha bela durminte, unha prostituta demasiado nova como para ser consciente da violencia do oficio e un músico consciente de que se asoma ao fracaso máis fondo e frustante, comparten o tránsito dunha noite ata a mañá”.

http://www.galiciae.com/nova/24902.html

Aos tertulianos de O Faladoiro o libro causou sensacións diversas: a uns custoulles entrar na lectura, a outros entusiasmoulles. Sobre todo deixaron pegada nos lectores aspectos como a tremenda soidade dos protagonistas (a sociedade xaponesa semellou ser unha sociedade chea de soidade e de carencias), a carencia de afectos, as vidas tráxicas que percorren a novela.

Conta unha historia desoladora, unha frustración constante.

O refuxio na noite, nos descoñecidos.

Ademais chamounos a atención a agresividade das cidades, a extrema competitividade que se vive. Tampouco se separa a vida laboral da persoal. Dá medo pensar que imos cara a ese camiño…

E o excesivo individualismo.

Non obstante, o final deixa aberta a porta á esperanza: a relación entre Mari e Takahashi; o abrazo á irmá para protexela; remóvense sentimentos cando se lle di a Mari que a irmá a valoraba e a necesitaba; a pesar da dureza do love hotel, é nese lugar onde se respira máis humanidade, semella un refuxio, van alí a sobrevivir; resulta detestable o personaxe do informático.

“Tokio blues (Norwegian wood)”, é unha película baseada na novela homónima de Haruki Murakami. Cando Toru Watanabe escoita casualmente a canción Norwegian Wood dos Beatles, a melancolía e a nostalxia lle fan retroceder ao seu pasado coma estudante noTokio de finais dos 60. Toru lembra á inestable e misteriosa Naoko, a moza do seu mellor amigo da adolescencia, e o suicidio deste, suceso que lle distanciou de Naoko durante un ano ata que se reencontran na universidade.Imagen

 

BSO de Lejos del Cielo

Anos cincuenta. Unha acomodada e modélica ama de casa de Connecticut leva unha vida aparentemente equilibrada, satisfactoria e programada segundo os canons da familia burguesa americana. Con todo, de xeito inesperado, ten que enfrontarse a unha gravísima crise matrimonial e a un mundo exterior que impón límites ás emocións. Un mundo onde o racismo e a tolerancia sexual son fronteiras que non se poden franquear. (FILMAFFINITY)
  • Ano: 2002
  • Xénero:Drama
  • País: Estados Unidos / Francia
  • Duración: 107 minutos
  • Dirección: Todd Haynes
  • Guión: Todd Haynes
  • Música: Elmer Bernstein
  • Fotografía: Edward Lachman
Como en moitas das obras mestras do xénero, LONXE DO CEO desenvólvese nun prospero barrio residencial, nun mundo de brillante satisfacción burguesa e de esplendor technicolor no que menos importa é a solitaria vida interior dos seus protagonistas. En ALL THAT HEAVEN ALLOWS (“Só o ceo o sabe”), Jane Wyman interpretaba a unha viúva que se namoraba dun home novo (Rock Hudson); en THERE´S ALWAYS TOMORROW (“Sempre hai un mañá”), Fred MacMurray interpretaba a un marido desatendido que se reúne cun vello amor. Nestas e outras películas o amor e outras emocións acéndense, só para acabar coas críticas moralistas dos amigos e a familia. En LONXE DO CEO , as pequenas e susurrantes indirectas e a actitude engreída da comunidade bloquean os cambios que Cathy Witaker (Julianne Moore) está sufrindo.
http://www.labutaca.net/films/12/farfromheaven1.htm
O único fallo que vexo nesta película é que, a pesar do seu innovador enfoque, a trama dos amantes prohibidos non é moi nova e resulta bastante predicible. Con todo as actuacións, a cinematografía e a excelente dirección fan que tal queixa pareza irrelevante.”Lonxe do Ceo” toma unha estrutura narrativa clásica e fíltraa a través da moralidade dos anos cincuentas, mostrando que a intolerancia pode tomar moitas formas, e que as emocións son igual de intensas, sen importar o credo, raza ou sexo de quen as sente. Esta é a mellor película de Todd Haynes (ata o momento) e promete grandes cousas para a súa carreira futura. Recomendada coa advertencia de que non imos ver unha historia innovadora, senón a visión orixinal dun hábil director.
http://www.cinencanto.com/critic/p_farheaven.htm

A axilidade narrativa chama a atención e gusta, non obstante semella pouco realista que o protagonista queira ser Mangaka e a rapaza actriz.

Ademais falouse de que se percibe a forte presión social que existe no Xapón, de educarse en función duns roles que veñen asignados pola familia desde o comezo. E o positivo en Bakuman é comprobar como o grupo de mozos e mozas se rebela fronte a esta presión.

Os puntos de xiro resultan moi interesantes, sempre sucede algo inesperado.

Interesante ver o tema do manga dentro do manga. Saber como se fai un story board a través de Bakuman.

A través desta lectura obtemos moita información para ter un maior coñecemento do mundo do manga.

Un momento interesante resulta ser aquel no que se plantean que tipo de manga crear.

E comprobar como a figura do mangaka é especialmente respectada.

BAKUMAN 1

Dous mozos toman a decisión de percorrer o arduo “camiño do manga” co obxectivo de facerse cunha gloria reservada para uns poucos: Moritaka Mashiro, que ten moi boa man para o debuxo, e Akito Takagi, que escribe de marabilla, deciden formar un dúo creativo coa idea de forxar unha nova lenda do manga!

Autores: Tsugumi OhbaTakeshi Obata

Colección: CÓMIC MANGA

Series: BAKUMAN

DATAS DAS VINDEIRAS XUNTANZAS

11 DE ABRIL: VISIONADO DA PELICULA Lonxe do ceo.

9 DE MAIO: COMPARTIMOS A LECTURA Tras do solpor de Haruki Murakami

23 DE MAIO:  VISIONADO DUN FILME RELACIONADO COA LECTURA DE MURAKAMI

XUNTANZA DO FALADOIRO MAIOR

DATA: 7 MARZO ÁS 16:30

O mércores 7 de marzo xuntámonos na biblioteca para compartir a lectura Fantasmas da luz de Agustín Fernández Paz.

As opinións con respecto a dita obra foron moi diversas, aínda que en xeral non convenceu as lectoras e os lectores como no caso de obras anteriores, pois resulta ser unha historia moi previsible.

Recordounos vivencias da nosa mocidade, vivencias que xiraban arredor dos vellos cines. Tróuxonos ao presente una época do pasado, cando nos xuntabamos grupos de mozos e mozas e asistiamos ás proxeccións de cine cheos de emoción, aquilo era todo un acontecemento, as estreas da nosa adolescencia, como foi o caso de Tiburón (cando tivemos que conseguir cartos, non sen certas dificultades para poder ver a peli),  ou como cando acudíamos ao cine Veiga de Moaña, ou o cine de Seixo. Ir ao cine era un acto social, movía moito a toda a colectividade.

Pola contra cos multicines da actualidade, nos fríos centros comerciais, xa non nos parece que teña o protagonismo que tivo antano, nin supoña o mesmo, xa non é o mesmo.

No que si coincidiron a maioría dos e das participantes foi en que a novela (que literariamente semellou simple) resulta interesante, cando menos para mover á reflexión sobre temas tan vivos na actualidade, cunha clara intención de mover conciencias : a invisibilidade dos que non teñen traballo nin cartos, o medo que paraliza a mente, o individualismo cara ao que tende o ser humano, a carencia do apoio familiar que antes había e que agora xa vai escaseando…

Xa para rematar, con respecto ao tema da invisiblilidade, gustounos o feito de que ao final todos os “invisibles” da sociedade se unisen, pois xuntándose é posible que a sociedade vexa eses grupos de persoas, se vexa obrigada a recoñecer a súa existencia. Pódese saír do túnel asociándose, uníndose. Xúntanse porque necesitan sentirse parte de algo.

Aínda que os personaxes son moi simples, pois deles non se coñece case nada, o que converte fai que a narración sexa un pouco inverosímil, como se lle faltase algo á obra, tamén é certo que a denuncia que fai é real.

E para rematar, a parte das “Tomas extra” non convenceu moito, pensouse en que tal vez se trate dun experimento narrativo. Pero o certo é que non gustou moito.

Como complemento á lectura imos levar a cabo o visionado da película Lonxe do ceo.

E como lectura para a próxima xuntanza propúxose e acordamos ler a obra de Haruki Murakami: Tras do solpor, na que os feitos transcorren durante a noite na cidade de Tokio. Dado que falando do illamento e da soidade, xurdiu o tema do illamento no que viven algúns xaponeses, tal e como algunhas persoas coñeceron a través do documental que En portada saíu sobre Tokio. Por iso, pensamos que non estaría mal ler dita obra.

O pasado sábado, no Xabarín Club, volveu emitirse One Piece, na súa programación de anime.

Se queredes ver o enlace de onde saquei a nova: http://anxoblanco.wordpress.com/2012/02/13/volve-one-piece-a-galegaahora-na-tvg2/

E na páxina da Televisión de Galicia din:

Na fin de semana “Xabarín Club” tamén incorporará este sábado á súa oferta infantil a serie “One Piece”, unha versión animada do mítico manga xaponés, creado por Eiichiro Oda. One Piece é unha aventura épica de piratas onde conta a historia dun rapaz chamado Luffy D. Monkey que cando tiña 7 anos, comeu accidentalmente a froita do demo, converténdose nun home de goma incapaz de nadar. Dez anos despois, Luffi, inspirado por un pirata, sae ao mar para converterse no rei dos Piratas, para esta misión necesita atopar unha tripulación para esta aventura.

http://www.crtvg.es/crtvg/crtvgviva/xxx

De cara ao debate que imos ter sobre a película “Persépolis”, de Marjane Satrapi, cómpre lembrar o que aconteceu no país dos persas en 2009. A protesta contra a manipulación electoral das eleccións presidenciais a prol do candidato do réxime teocrático desencadeou una vaga de protestas coñecida como a Revolución Verde, pola cor que empregaban os manifestantes como símbolo da súa loita. A revolta, precursora da “Primavera Árabe” rematou con 80 mortos, 18 condenas a morte e a consolidación dun réxime totalitario que reprime os dereitos do 50% da poboación. Neste vídeo, que reconstrúe o acontecido coa fermosa canción italiana “Bella Ciao” de fondo, chama a atención a protagonismo das mulleres, con ou sen velo.

http://www.youtube.com/watch?v=quPXg_GoTOk