25/10/2009
· Archivado en Uncategorized
Este mércores 28 de outubro O Faladoiro continúa a súa andaina, á que está invitada toda aquela xente que guste de ler. Xuntarémonos na biblioteca e comentaremos as novidades, entre elas a lectura proposta para este trimestre, unha novela de aventuras , de bandoleiros, de tesouros… de Xosé Miranda, Morning Star. Apetécevos? Se así é, ata o mércores no tempo de lecer.

10/02/2009
· Archivado en Uncategorized

Estamos a falar sobre tres relatos de Que me queres amor?
De “A lingua das bolboretas” chamounos moito a atención o medo, máis ben pánico, do neno ao mestre, ata o punto de mexarse na escola o primeiro día. Parécenos incrible que un neno poida chegar a ese punto, para nós, desde a perspectiva actual, resulta incomprensible. (Con todo, os profes participantes sentiron morriña de tempos pasados. Je, je, je!!! Ai da vara de vimbio!). Tamén nos gustou a relación do mestre co rapaz, como foi espertando nel o desexo de saber e lle foi descubrindo novos mundos. Foi moi emotivo o tráxico desenlace, cando Pardal lle berra “iris, sapoconcho…” ao mestre cando o levan detido, demostrándolle dalgún xeito a admiración e o agradecemento a esa persoa.
Ao comentar “Un saxo na néboa”, salientamos as coincidencias co relato anterior. O personaxe principal comeza con medo, esta vez non á escola, senón ao escenario, e vai aparecer outro personaxe, un dos músicos, que lle axudará a superarse e a perder dito medo escénico. Ademais, a narración remata cunha despedida na que só son posibles as miradas, non as palabras, e non poden dicirse todo o que quixeran. Como pasa no relato anterior, todos os protagonistas entenden o que sucede. O que marcha, tamén nun camión, comprende os sentimentos de quen queda. E a relación rómpese, de igual xeito que no relato anterior.
E agora queda o de “Carmiña”, que dá que pensar… Resultounos tan complicado que deixamos unha semaniña máis para atrevernos con el.
E por hoxe, nada máis. Aburiño.
27/01/2009
· Archivado en Uncategorized
Os profesores Rosa, Xaquín e Miguel apareceron onte pola tarde nos programas de corazón amosando aos medios o novo neno do noso IES. A criatura que responde ao nome de O Faladoiro xa botou a andar tras un longo parto na sala de dirección. Non berrou o pequeno, dixo Rosa, logo de lle dar a comadroa unhas azoutas (a todo isto a muller defendeuse dicindo que era unha profesional e estas chaparretas non supoñían maltrato de pequenos).
O faladoiro tivo a súa primeira cita diante de 12 alumnos/as (en realidade 11 porque un deles de mala memoria esqueceuse de vir e prefiriu comer o bocata baixo a chuvia no patio do IES, non diremos o nome do alumno pero O Faladoiro invítao a tomar moitas cenorias que son boas para a memoria).
O club O Faladoiro reunirase todos os martes no primeiro recreo. Xa rematamos o primeiro labor, este martes 27 de xaneiro de 2009 case todos os membros lemos a primeira proposta: 3 contos do libro de Manuel Rivas Que me queres, amor?, os tres contos chámanse “A lingua das bolboretas”, “Un saxo na néboa” e “Carmiña”. Parece ser que todos os membros tiveron unha opinión moi positiva destes relatos nos que atoparon personaxes que provocaron moito debate…
Invitámosvos aos demais alumnos/as, nais, pais, traballadores e vagos do IES Monte Carrasco a que leades estes 3 contos e esteades atentos á invitación que vos faremos para asistir á proxección con posterior coloquio da película inspirada neste libro.